Santuario Nuestra Señora de los Milagros

UN ATENTADO CONTRA A «CASA COMÚN».

obispo01O pasado 24 de maio,

o papa Francisco obsequiounos

cunha carta que leva por Título Laudato si´ destinada non só aos cristiáns, senón tamén a tódolos homes e mulleres de boa vontade, co fin de chamarnos delicadamente a atención sobre o coidado da creación que é para todo ser vivo a «casa común» na que compartimos a nosa existencia e que clama polo dano que lle provocamos cando a usamos de forma irresponsable e abusamos dos seus bens.

Con frecuencia acúsase á Igrexa e aos eclesiásticos de que as nosas intervencións públicas, tanto orais como escritas, adoitan ser vagas,  imprecisas, abstractas e afastadas da realidade; non obstante, este texto de Francisco convídanos a contemplar o libro da natureza como unha realidade unitaria e indivisible que inclúe o ambiente, a vida, a sexualidade, a familia, as relacións sociais , etc. Isto quere dicir que a degradación da natureza está estreitamente unida á cultura que modela a convivencia humana; de aí que cando consideramos, dolorosamente, a beleza da nosa natureza destruída a causa dos incendios e observamos o estrago do mobiliario urbano que busca conseguir un ámbito máis humano nas nosas vilas e cidades, nos damos cnta que esta «casa común» que todos estamos chamados a compartir se enche de feridas que son producidas por comportamentos irresponsables dalgunhas persoas.

Por motivos profesionais, nas últimas semanas, tiven que percorrer varias provincias do sur e do centro de España, en días de elevadas temperaturas. A vexetación estaba moi seca. Non atopei ningún incendio. Cando me fun chegando a esta querida terra e entrei nos límites da miña cidade, un aire espeso e irrespirable rompía a beleza da natureza, moito máis verde que a que contemplara en días pasados. Ourense estaba rodeado de incendios! Inmediatamente fixéronseme presentes algunhas das ideas que o papa Francisco ofrece en Laudato si´. Cal puidera ser a causa de semellante situación?

Evidentemente pensei nas altas temperaturas e nos accidentes casuais. Non obstante, no fondo de todo este mal que observo no meu entorno, facíase presente o eco persistente desa idea tan estendida de que non existen verdades indiscutibles que guíen as nosas vidas e as dos outros, nin que regulen a natureza que como «casa común» custodia a nosa existencia. Seguimos pensando que a liberdade humana non ten límites, esquecemos que o home non se crea a si mesmo, que é espírito e vontade, pero tamén é natureza, e que o divino e humano se encontra no máis pequeno detalle  contido nos vestidos sen costuras da creación, as flores silvestres e as árbores dos nosos bosques, os pequenos e grandes animais, e o entorno do noso hábitat humano forman parte da nosa realidade e das nosas vidas.

Quixera facer miñas as palabras de Francisco e convídovos, a través desta reflexión, a recoñecer eses graves pecados contra a natureza. Coas nosas  accións, que ás veces consideramos insignificantes e que se poden camuflar baixo supostos descoidos que ocasionan a destrución da diversidade  iolóxica, a degradación da integridade da natureza, a contaminación das augas, do aire e a destrución do mobiliario urbano, estamos a atentar contra a obra de Deus. E o que estamos a vivir ao longo destes días, con tantos incendios, dor e morte son auténticas agresións contra esta «casa común» na que transcorre a nosa efémera existencia, por iso, atrévome a dicir que todas estas accións son graves pecados. Porque o que estamos a vivir é un crime contra a natureza, é un crime contra nós mesmos e un pecado contra Deus.

+ J. Leonardo Lemos Montanet

Bispo de Ourense