Santuario Nuestra Señora de los Milagros

CORAL ANSUIÑA… VEINTICINCO AÑOS DE EXISTENCIA…

Hai que aproveitar que hai pouquiño estivo de aniversario. Quen? A Coral Ansuíña. 25 anos xa.

Isto máis que mérito é unha auténtica heroicidade.Ansuiña

Porque heroicidade é formar unha coral nunha vila labrega e gandeira, con xente xa coa súa idade e acostumada tan só a cantar na misa ou, por suposto, ó facer as típicas labores do fogar. Quen non cantou algunha vez varrendo ou facendo as camas ou pasando o pano do po? Pois iso, formouse e, logo de 25 anos, aínda segue! Ese é o mérito.

O gran culpable de que, hoxe, a Coral Ansuíña se patee igrexas ou escenarios por toda a provincia, de que mesturara a xente nova con xente maior, a xente “da carretera” coa xente labrega e gandeira é Crisanto Fernández Seoane (que terá unha reportaxe á parte) coa axuda de dous ou tres veciños máis que polo ano 1990 dixeron que xa estaba ben de cantar tan só nos eidos, nas airas e varrendo debaixo das camas, que os tempos de berrar uns máis que outros nas misas (penso na miña nai) tiñan que pasar á historia. E pasaron. Non volvín oír á miña nai coa súa voz que, de neno, case me deixaba en vergoña, porque a xente volvíase e miraba para aquela muller delgada que alzaba a voz moi por enriba dos demais. O padre Crisanto sóubolla domear.

Ensaiaban onde podían, xeralmente nas bibliotecas ou naqueles baixos nos que colleran uns 30 membros ou máis. Algúns destes deixaban as súas tarefas do campo, cambiábanse un chisco de roupa e, ale, fachendosos coma pavos reais polas rúas molguesas e coa carpetiña baixo o brazo e un ruxerruxe musical xa na mente para entrar quentes ó ensaio. Algúns membros serían vellos e labregos, pero con respecto ás ansias non lles ganaba ninguén.A 25 anos de todo isto aínda estou alucinado pola actitude deses veciños e pola temperanza de Crisanto. A ver, non é o mesmo coller hoxe a Coral con 25 anos ás súas costas que empezar desde cero como empezou Crisanto. Desde cero cun grupo que, a maioría, nin idea do que era unha partitura, ou un ton, ou un ritmo, ou un compás musical. Auténticos heroes. Que algúns xa non están (vai por ti, nai). Pasar do sacho ou da aixada á unha habanera ou a cantar coa popular María do Ceo non é cousa de rir.

A Coral optou polo nome de Ansuíña polo significado e polo que representa para a vila de Baños de Molgas. Outra proba deste significado é que o propio Crisanto compuxo o himno oficial da Coral co nome, faltaría máis, de Ansuíña. Este grupo de xente presentouse oficialmente no mes de xullo de 1991 no salón de actos do colexio dos Milagres.

Axiña empezaron a ir en serio e non contentos coas típicas actuacións fixas das novenas no santuario dos Milagres, da misa do San Salvador de Baños de Molgas (o día do Patrón) e do concerto de Nadal, pouco a pouco espallaron os lugares de actuación: desde os máis achegados (gran parte dos concellos da contorna) ata os máis afastados, como Baión, A Garda, Melide, Chantada, Porriño, Monforte, O Barco… Mais o cume, a cúspide das actuacións pensan que a levaron a cabo no auditorio Príncipe Felipe de Oviedo e na catedral desta mesma cidade, con motivo da Semana de Galicia en Asturias. Aí é nada! Con María do Ceo xa actuaron dúas veces.

A Crisanto Fernández sucedérono Juan Manuel Iglesias durante catro anos e Juan Carlos Troitiña, que os dirixe desde 1998. Que non lles pareza mal a estes, pero sigo dicindo que o gran mérito é para Crisanto. Non é fácil sacar música duns trebellos de labranza. Non é fácil pasar de labregos a tenores e sopranos. Pero aí están.

GRACIAS A CHITO RIVAS… POR ESTA LEMBRANZA…